Eu son... Balbino
Obra: Memorias dun neno labrego | Autor: Xosé Neira Vilas | Tipo de texto: Narrativo | Etapa: Primaria | Lecturas: 1328
Compartido por: @o_fragha el 2012-11-16
Añadir actividades para el aula | Añadir audio-lectura
Leer a pantalla completa | PDF | Favorito

Un rapaz da aldea. Coma quen di, un ninguén. E ademais, pobre. Porque da aldea tamén é Manolito, e non hai quen lle tusa, a pesares do que lle aconteceu por causa miña.

No verán ando descalzo. O po quente dos camiños faime alancar. Magóanme as areas e nunca falta algunha brocha para espetárseme nos pés. ÿrgome con noite pecha, ás dúas ou tres da mañá, para ir co gando, restrebar ou xuntar monllos. Cando amañece xa me doi o lombo e as pernas. Pero o día comenza. Sede, sol, moxardos.

No inverno, frío. Ganas de estar arreo ó pé do lume. Muíños apeados. Faladurías de neves e lobos. Os brazos son coma espeteiras para encolgar farrapos. Murnas, fridas, dedos sin tentos.

Que saben disto os nenos da vila!

Eles ignoran o que eu penso mentras boto ó corpo un gurrucho de caldo con broa. Ou o que sinto cando estou no monte pingando, aterecido, vendo por entre a choiva unha pantasma bretemosas en cada árbore.

A aldea é unha mestura de lama e fume, onde os cans ouvean e a xente morre "cando está de Deus", como di a madriña. Os rapaces somos tristes. Enredamos, corremos tras dos froguetes e ata rimos, pero somos tristes. Temos a pobreza e os trafegos da terra aniñados nos ollos.

Eu quixera andar mundo. Ir por mares e terras que non coñezo. Nacín e crieime na aldea pero agora síntoa pequena, estreita. Coma se vivise nun cortizo. Teño pensamentos que non lle podo contar a ninguén. Algúns non me entenderían e outros chamaríanme tolo. Por iso escribo. E despois durmo coma unha pedra. Quedo desatafegado, libre, coma se me quitasen de enriba un bocoi. Cousas miñas! E tamén de Smith, o capitán que estivo na guerra e cando voltou para a casa púxose a escribir todo o que lle acontecera. Así está nun libro que me trouxo o Landeiro.

Se eu fixese un libro! Nin falar. Ogallá que non me atopen o caderno. Daríame vergoña. E non é para menos. Porque nel devorco todo o que sinto. Moi pouca xente o fai. Todos abren o peteiro para dúas cousas; para dicir a verdade ou para arredarse dela.

Na miña casa non me comprendían. E outro tanto acontéceme na do Landeiro. Iso é o peor que lle pode suceder a un pero a moita xente non se lle dá.

Eu non sei se esvarío. Vexo o mundo darredor de min e adoezo por entendelo. Vexo sombras e luces, nubeiros que viaxan, lume, árbores. Que é todo isto? Ninguén me di, poño por caso, para que sirven as estrelas, nin onde morren os paxaros. Sei de certo que moitísimos anos antes de nacer eu xa había sol e penedos e fuxía a auga polo río. E estou seguro de que todo seguirá igual despois de que eu morra. Virá máis xente, e máis, tripando uns nos outros, esquecéndose adrede dos que morreron, coma se non houbesen vivido.

Escribir no meu caderno -quen o diría!- é coma baldeirar o corazón. Parece un milagre. Pois ó fin de contas non pasa de ser unha conversa comigo mesmo. Pero para min é milagre todo. Dende as pingueiras da chuvia ata o canto do grilo.

Aínda que se me ocorrese facer un libro, como fixo Smith, de pouco valería o que contase. Smith estivo na guerra, e eu son apenas "o neno" como me chaman na casa. Son Balbino. Un rapaz da aldea. Un ninguén.



¿Recomendarías su lectura en el aula? Por favor, valora del 1 al 10 este texto.

Valoración: 7.0/10 (6 votos)


Actividades para el aula añadidas por los usuarios

Solo lo usuarios registrados en el Banco de Textos pueden añadir actividades para el aula.
Iniciar sesión | Registro
Consultas y sugerencias en sergioabad@gmail.com o en Twitter: @sabad
Conoce también mis otros recursos didácticos: El generador de fichas para imprimir, Dicta2.0 y Goodrae

Licencia Creative Commons