O neno can
Obra: O neno can | Autor: Fina Casalderrey E F. Castro | Tipo de texto: Argumentativo | Etapa: Primaria | Lecturas: 1382
Compartido por: @o_fragha el 2012-12-29
Añadir actividades para el aula | Añadir audio-lectura
Leer a pantalla completa | PDF | Favorito

A Aakesh encántalle a choiva nos días de calor. Daquela mira as nubes, abre a boca e deixa que a auga o lave por dentro e por fóra. E semella que a Choiva, o seu can, tamén lle gusta.

En realidade, Choiva é o seu can dende onte. Aakesh acababa de atopar no chan, na porta do súper que hai xunto as Casas de Cores, unha galleta a medio comer, cando se lle achegou mainiño un can pequeno que non afastaba os ollos da galleta. Tiña unha cara de fame que puña medo. Resultaba tan gracioso con aquela mancha negra arredor dun ollo! "Semella un pirtata", pensou Aakesh, que primeiro mirou para a galleta e logo para o can e decidiu darlla. O canciño papouna en menos de nada e deu en lamberlle a palma da man facéndolle unhas cóxegas tan insoportables que Aakesh tivo que retirala axiña e logo fregouna contra o peito. O can movía o rabo. Insistía en darlle as grazas. Nese instante, a pesar da calor, arrancou de súpeto a chover. Aakesh aledouse. O can tamén se puxo moi contento

E foi por iso que Aakesh lle falou:

- Chamareite Choiva.

A Choiva gustoulle o seu nome e move de novo o rabo.

E dende onte andan xuntos, un á beria do outro, coma dous amigos que se coñecesen de moito tempo atrás.

E xuntos, un á beira do outro, descalzos e enchoupados, entran na chabola, sacudindo a chaparrada coma surtidores.

- Uf, só traio isto, avoa Mayanin! - exclama Aakesh mentres mete a man no peto e pousa unha presa de cereixas no regazo da velliña.

Deseguida senta ao seu carón.

Chuvia prefire quedar xunto á porta, aínda non se atreve a entrar naquela casa para el descoñecida.

A anciá fíxaxe no can. Aakesh achégase a el, aloumíñalle a cabeza e mira para a avoa Mayanin, como dicíndolle: "É o noso amigo e hanos facer compaña da boa" Despois, a velliña vai achegando a froita aos beizos, devagariño, unha a unha, sen dicir ren. Os tres escoitan o silencio no final da tormenta.

Á fin volve falar Aakesh:

-Anda, fálame outra vez de mamá

A Aakesh gústalle que a avoa lle fale da súa nai.

Do fondo dun álbum de mentiras a avoa Maynin saca palabras brancas:

-A túa nai era moi fermosa. Parecía unha princesa coma as que viven en Delhi; pero perdeu a vida cando ti naciches... -a avoa olla para Choiva, que semella seguir moi atento a historia-. O certo foi que, maila estar enferma de anemia, nin sequera fora atendida por un médico.

A avoa Mayanin quere que Aakesh durma abrazado a un soño fermoso, e a pique estivo, como cada noite, de lle contar un conto de princesas, de piratas, de fadas e de dragóns e de tesouros, mais desta volta é lea quen dorme. Hai xa tempo que a rutina da miseria e a pena das ausencias lle roubaron as forzas e queda durmida en calquera parte. "Mellor", pensa o netro, "mentres dorme, esquécelle a fame".

Mais a Aakesh afógaselle o sono. A el mórdelle no estómago a necesidade de comer, coma unha serpe velenosa e ruín, e pasa a noite contando as veces que protestan as súas tripas.

Por fin apágase a última estrela e, case de inmediato, acéndese a primeira raiola de sol. Aakesh dálle un bico á avoa, ponlle nas mans as últimas cereirxas que gardou para ela e vaise con Choiva a explorar camiños novos.

-Traereiche comida, avoa!

Choiva e Aakesh andan e andan sen rumbo durante toda a xornada. Como cada día. Como todos os días. E, cando, cnasos de non atopar nada, deciden regresar xunto á avoa, ven unha empregada duns grandes almacéns baleirando nun contenedor as caixas da froita podere do día, a que non vale para vender, a que ninguén quere. Algunha vez matara a fame á conta dese contedor.

Aakesh e Choiva óllanse e enténdense sen necesidade de falar. Corren cara alí sen perder tempo.

-LIsca, porcallán. Que vés buscar nun contedor?- berra a moza

-Comida!- responde Aakesh

-Guau, guau- axuda Choiva para que quede máis claro

-Fóra de aquí, zarapallos!- insiste a dependenta con cara de noxo mentres fai por baterlles coas caixas no lombo.

Asustados, non para de correr ata dar nun parque. Aakesh senta nun banco de pedra e Choiva deita o seu corpo suave sobre os seus pés descalzos.

Nenas e nenos barullan arredor dunha mesa, tamén de pedra e ateigada de larpeiradas. Celebran o aniversario dunha das nenas; xusto a que, nese intre, lles bota anacos de pan con carne ás pombas.

-Ei, choiva, onde vas?

Choiva, sen agardar o consentimento de Aakesh, espanta as pombas e faise dono do suculento manxar. Á nena divírtelle aquel can que o pilla todo polo aire como quen caza moscas.

Aakesh observa moi atento; mais queda aniñado moi preto da escena. As tripas bérranlle máis ca nunca e, coma eses cans de mentira que bambean nos coches, segue a traxectoria dos anaquiños de pan.

Desconfiado, vaise achegando.

Achegando...

A rapaza repara nel e lánzalle un bocado de carne que Aakesh atrapa directamente coa boca.

Ela , fascinada co enredo, continúa a arrincar cachos do bocadillo e a guindarllos polo aires. Aakesh captúraos ao voo cunha habilidade asombrosa.

As gargalladas da nena alertan os seus amigos, que se achegan para presenciar o espectáculo.

-Anda, un neno can!

-Mirádelle os pés, que cotrosos!

-Semellan de pel de elefante!

-Veña, chucho, pilla isto!

-Ei, ei, aquí, aquí!

Nenos e nenas rin e lanzan ao aire as larpeiradas que sobran da festa, facendo roda arredor. E canto máis rin eles, máis salta Aakesh

Choiva, á espreita, tamén atrapa algún que outro anaco do pastel, aínda que a atención está agora no sorprendente neno can, que non dá feito a apañar todo canto lle tiran: flocos de millo, améndoas, olivas, patacas de bolsa... El apáñao todo antes de caer ao chan, ou mesmo cando xa cae. Méteo todo na boca ou nos petos.

Cando, exhausto, se decata de que nin no estómago nin nos petos do seu roído pantalón entra máis nada. Aakesh dá por rematado o xogo e afástase cara ao outro banco de pedra.

Choiva tamén dá mostras de fatiga e marcha con el

Nenos e nenas, sabedores de que a atracción xa rematou, retornan algo amolados aos seus xogos.

Só aquela nena, a protagonista do aniversario, queda ollando para Aakesh con curiosidade

-Como te chamas?- pregunta á fin

-Aakesh. E ti?

-Lanka- responde- Cantos anos tes, Aakesh?

-Dez, creo que dez...- dubida el

-Dez! Pero se es máis baixo ca min e veño de facer hoxe nove! Será porque es un neno can?

-Só son un neno. O meu can é este -responde Aakesh mentres lle pasa a man polo lombo a Choiva

-E quen che ensinou a coller a comida polo aire?

-A fame, creo...

Lanka, sen deixar de observalo, aínda lle di:

-Tes unha pel moi rara... Seica non es moi amigo de lavarte.

-Non teño casa. Vivimos onde nos cadra. E onde estou agora non hai auga...

Lanka queda fitando moi calada para Aakesh. Non entende moito do que o neno lle conta. Seica non ten auga na casa. Nin comida. Este era un neno que en nada lles imita aos outros que ela coñece, todos os fillos e fillas dos amigos de seus pais, aqueles que, coma ela, viven nas Casas de Cores da Vila.

Segue a observalo aínda uns segundos; logo, sen máis, espétalle un bico na meixela e vaise cos seus amigos.

A Aakesh éntralle moita calor, sente sede e vai beber nas augas quedas dun estanque

-Non bebas, non é potable!- berra a nena dende lonxe- Podes enfermar!

-Déixao, só é un neno can -di un dos amigos- Estará afeito

-Anda, volve con nós!- insiste outro

A nena regresa á festa

Mais, por algunha razón que non entende moi ben, xa non ten moitas ganas de xogar...



¿Recomendarías su lectura en el aula? Por favor, valora del 1 al 10 este texto.

Valoración: 8.2/10 (6 votos)


Actividades para el aula añadidas por los usuarios

Solo lo usuarios registrados en el Banco de Textos pueden añadir actividades para el aula.
Iniciar sesión | Registro
Consultas y sugerencias en sergioabad@gmail.com o en Twitter: @sabad
Conoce también mis otros recursos didácticos: El generador de fichas para imprimir, Dicta2.0 y Goodrae

Licencia Creative Commons