Solidaridad
Toca o pandeiro, Manuel
Autor: Pablo Nine Suárez | Tipo de texto: Dramático | Etapa: Primaria | Lecturas: 1319
Compartido por: Pablo Nine el 2024-01-17
Leer en pantalla | PDF | Favorito
(Comeza a representación con Manuel, que acaba de baixar do tren, só na estación de ferrocarril de Mesía, amoucado e con cara de preocupación dun lado para outro.)

NARRADOR: Manuel sempre fora un home amable, alegre e o primeiro en poñer o toque de ledicia nas festas e reunións de amigos. Boa fama tiñan en toda a parroquia de San Cristovo de Mesía el e o seu inseparable pandeiro. Cantas troulas amenizaron entre os dous! Cantas risas e bailes teñen provocado!
Pero, este Nadal, algo lle pasa ao noso Manuel. Non é o mesmo. É Noiteboa e debería andar pola vila, coma un neno pequeno, felicitando as festas a todos e cantando panxoliñas mentres fai soar o seu pandeiro. Pero, non. Esta Noiteboa, Manuel non quere tocar. De onde virá Manuel? Algo moi serio lle pasa...
MANUEL: (Senta nun banco da estación). Por que me ten que pasar isto a min? Eu nunca lle fixen mal a ninguén. Non é xusto! Non é xusto! (Bota as mans á cabeza).
VECIÑO: (Aparecendo polo lado oposto da escena). Ola, Manuel. (Manuel non contesta; nin sequera se decata da presenza do veciño, que insiste coas mans nas cadeiras.) Manuel, é que non me oíches?
MANUEL: (Despistado) Ah, ola! Non te vin chegar.
VECIÑO: Xa, xa, xa vexo. (Achégase a el e ponlle a man no lombo) Oe, Manuel, pásache algo? Nótote un pouco estraño.
MANUEL: Non, home. Que ha de pasar? É que acabo de chegar de Santiago no tren e veño algo canso. Iso é todo.
VECIÑO: Será, home, será (Mete as mans nos petos) Pero, eu non te vexo coma sempre, Manueliño. Abofé que non che pasa nada? Mira que se eu podo facer algo, xa sabes que...
MANUEL: (Manuel tarda un pouco en contestar e, finalmente, botando as mans á cabeza, acaba por rebentar) Pasa, home, pasa. Si que pasa, pero nin ti nin ninguén pode facer nada. (Ponse en pé)
VECIÑO: Estás seguro, Manuel? Ao mellor eu...
MANUEL: (Interrompe anoxado) Non, non podes! Ou é que tes ti duascentas mil pesetas para pagarlle ao banco.
VECIÑO: (Queda un pouco parado e tarda en reaccionar) Ah, era iso. (Fai outra pausa) Así que lle debes cartos ao banco e non podes...
MANUEL: (Volve interromper) Si, iso mesmo! (Tamén fai unha pausa e, xa máis calmado...) O ano pasado, merquei unha vaca e fixen uns arranxos na casa. Así que tiven que pedir o préstamo. Pensaba pagalo cos beneficios da colleita deste ano, pero a enchente estragouno todo e... (Volve sentar no banco coa cabeza baixa) Recibín onte unha carta e teño quince días para pagar. Xusto ó rematar as festas; se non, embárganme a casa. Veño de Santiago de solicitar unha prórroga, pero...nada.
VECIÑO: (Sacode a cabeza e bufa cruzando os brazos) Pois si que... (Sacode a cabeza de novo e dá uns pasiños achegándose a Manuel) Pero non hai que desesperar, home. Todo ten solución. Vai ti a saber se...
MANUEL: (Volve interromper unha vez máis) Se que? Se ocorre unha milagre e choven os cartos do ceo?
VECIÑO: Home, non, pero... (Nova pausa) De todos os xeitos, Manuel, agora non podes quedar aí. Está empezando a escurecer e hoxe é Noiteboa. Amparo debe estar preocupada. (Colle a Manuel polo brazo e érgueo do banco) Veña, vai para a casa, Manuel. Vai coa túa familia e non penses máis niso. Tes dúas semanas para arranxalo e ás veces as cousas son máis sinxelas do que parece. (Empurra por el suavemente na dirección da súa casa) Vaite, xa falaremos. E non te quero ver así, oíches?

(Manuel camiña pouco a pouco. Aínda dá un rodeo antes de chegar á casa, pero, finalmente...)

AMPARO: (Achegándose a el ata a porta) Manuel, que pasou? Como tardas tanto? Tíñasme moi preocupada.
MANUEL: (Senta nunha cadeira sen contestar, ata que pregunta el) E os nenos, xa dormen?
AMPARO: Claro, home. Xa é moi tarde. Quería que agardasen por ti antes de deitarse, pero a estas horas... (Fai unha pausa e senta a carón del) Que pasou en Santiago? Que che dixeron?
MANUEL: (Sen dicir unha soa palabra e mirando fixamente para a mesa, nega lentamente coa cabeza)
AMPARO: (Tamén en silencio, interpreta o aceno do seu home e pon cara de tristeza, coma se se desinchase. Tras uns segundos...) Ben, non te preocupes. Sairemos desta. (Pon a man na cabeza de Manuel e aloumíñao. Érguese de súpeto) Veña, imos cear! Ala, toma un vasiño de viño mentres poño a mesa. (Colle a botella e o vaso que hai enriba da mesa e quere servirllo, pero Manuel interrompe e ela queda parada...)
MANUEL: A mesa? Para cear que, Amparo? Mentres outros teñen a mesa chea de lambetadas e turrón, nós, hoxe... Non sei como imos facer, Amparo. Estamos perdidos.
AMPARO: Non digas iso, home. Xa verás como todo sae ben. Confía en min, oíches? (Volve sentar a carón del) Mira, xa sei que non che gusta a idea, pero, se é necesario, pedireille os cartos a miña irmá.
MANUEL: (Erguéndose de súpeto e levantando a voz) Non! Iso non!
AMPARO: Manuel, non sexas orgulloso. Na nosa situación non podemos rexeitar a axuda de ninguén.
MANUEL: A de túa irmá, si! E ti ben o sabes. E diso non quero falar máis...

(Niso soan tres golpes na porta da casa)

MANUEL: (Mirando para a porta) Que foi iso. Chaman á porta?
AMPARO: Quen pode ser a estas horas? (Érguese da cadeira e vai cara a porta) Vou mirar. (Abre a porta e tópase con varios veciños, quedando abraiada) E vós... Que facedes aquí?
VECIÑA 1: Podemos pasar, Amparo?
AMPARO: Claro, muller, claro. Pasade (Fai un aceno coa man para indicárlles o camiño)

(Un a un van entrando e dando as boas noites, mentres Manuel e Amparo, en pé, inmóbiles, non saen do seu asombro)

VECIÑA 1: Veredes, non queriamos molestar, pero é que soubemos dos vosos problemas e... (Sinalando ao veciño que falara con Manuel na estación)
VECIÑA 2: Vós sempre fostes uns bos veciños e non podemos consentir que... Ben, o conto é que trouxemos unhas lambetadas para que hoxe esquezádes os problemas e bebades un vasiño de viño á saúde de tódos os veciños de San Cristovo. (Pousa unha cesta enriba da mesa)
AMPARO: (Despois de mirar o seu home, que quedou paralizado, e moi dubitativa...) Ben, eu non sei que dicir. Sodes moi bos, pero...
VECIÑA 1: Pero, nada, Amparo. Vós tamén tedes feito moi ben a todos nós e merecédelo. Ademais, somos veciños e estamos en Nadal, non? (Dándolle unha aperta)
VECIÑO: Ben, e aínda hai algo máis... (Mete a man no peto interior da chaqueta e saca un feixe de billetes de mil pesetas que pon enriba da mesa) Cando lles contei o que ocorría, todos quixeron poñer o seu graíño de area. Aí tendes cento sesenta mil pesetas. O resto, de aquí a Reis, témolo xuntado de sobra.
MANUEL: Pero, é que... eu, nós... Nós non podemos...
VECIÑO: Déixate de lerias, ho! (Faille un aceno a Amparo e colle unha cadeira para sentar) Veña, Amparo, bótame un grolo de viño que estou seco e hoxe é Noiteboa. (Fregando as mans)
VECIÑA 2: Ten razón. E imos bailar todos para celebralo.

(Todos a unha berran "Si, si...")

VECIÑO: Amparo, onde está o pandeiro de Manuel?
AMPARO: Aquí! Aquí, o teño! (Agochándose a collelo nun curruncho da casa e entregándollo ao veciño)
VECIÑO: Toma, Manuel (Entregándollo a Manuel, case á vez que llo dan a el) Toca o pandeiro. É Noiteboa. Toca, toca o pandeiro, Manuel.

(Todos se van colocando para o baile, mentres Manuel dubida, ata que comeza a soar a música, comezando polo propio pandeiro).


¿Recomendarías su lectura en el aula? Por favor, valora del 1 al 10 este texto.

Valoración: 5.5/10 (2 votos)


Consultas y sugerencias en sergioabad@gmail.com o en Twitter: @sabad
Conoce también mis otros recursos didácticos: El generador de fichas para imprimir, Dicta2.0 y Goodrae

Licencia Creative Commons